Tabaco

Tabaco

Que é?

O tabaco foi un dos descubrimentos que fixeron os colonizadores españois do Novo Mundo. Das follas desta planta solanácea, a Nicotiana tabacum, elabóranse cigarros, puros, picadura de pipa, rapé, tabaco de mascar, etc...

A industria tabaqueira mantivo ocultos ata fai moi pouco informes propios que amosaban a capacidade do tabaco para xerar dependencia e numerosos problemas de saúde.

A forma máis estendida de consumo de tabaco é o cigarro. No seu fume identificáronse arredor de 4.000 compoñentes tóxicos, de entre os cales os máis importantes son:

  • Nicotina: sustancia estimulante do sistema nervioso central, responsable dos efectos psicoactivos do tabaco e da intensa dependencia física que este provoca.
  • Alquitráns: sustancias probadamente canceríxenas, como o benzopireno, que inhala o fumador e aqueles que, convivindo con el en lugares cerrados, se ven forzados a respira-lo fume tóxico.
  • Irritantes: tóxicos responsables da irritación do sistema respiratorio ocasionada polo consumo de tabaco (farinxite, tose, mucosidade, etc.).
  • Monóxido de carbono: sustancia que se adhire ó sangue, dificultando a distribución de oxixeno polo corpo.

Que aspecto ten?

Xeralmente en forma de cigarros, pero pode consumirse tamén como puros ou pipas.

Que efectos produce no meu organismo?

O tabaco contén nicotina (que posúe un efecto ansiolítico e inhibidor do apetito). Os produtos do tabaco (cigarros, para lear...) están compostos de aditivos (humidificante, cheiro, sabor...). A combustión destes produtos crea novos compoñentes (monóxido de carbono, alcatráns...) nocivos para a saúde. A exposición a estas supón o ó risco de desenvolver unha dependencia.

  • O monóxido de carbono atópase no fume do tabaco, e pasa ao sangue a través dos pulmóns. É o responsable do dano no sistema vascular por unha banda, e da diminución do transporte de osíxeno aos tecidos do noso organismo, por outra. Produce fatiga, tose e expectoración.
  • A nicotina actúa sobre as áreas do cerebro que regulan as sensacións pracenteiras, provocando a aparición de dependencia.
  • Tamén actúa sobre o sistema cardiovascular aumentando a frecuencia cardíaca e a posibilidade de arritmias.
  • Produce cambios na viscosidade sanguínea e aumenta os niveis de triglicéridos e colesterol.

Dinformate_sobre_as_drogas_02

A diferenza da imaxe atractiva que se ten ás veces (fomentada pola publicidade, o cine, ...), o tabaco produce ó pouco tempo de empezar a consumirse algunhas alteracións pouco desexables entre as que se atopan:

  • Engurras prematuras na zona do beizo superior, ó redor dos ollos (patas de galo), queixo e fazulas, e coloración gris da pel que constitúe o chamado "rostro do fumador/a".
  • Manchas nos dentes, infeccións e caries dentais.
  • Mal alento e mal cheiro corporal por impregnación do cheiro do tabaco.
  • Manchas amarelas en uñas e dedos.

Cando comezas a fumar non adoitas conceder importancia ó efectos que o tabaco producirá sobre o a túa saúde a longo prazo, pero existen outros efectos, máis próximos no tempo, que foron demostrados nos mozos/as e que poden constatarse sen necesidade de que exista cronicidade no consumo de tabaco:

  • Aumento de catarros de repetición.
  • Aumento da tose.
  • Diminución do rendemento deportivo.
  • Perda de apetito.

Que riscos ten o seu consumo?

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o tabaco é a primeira causa evitable de enfermidade, invalidez e morte prematura no mundo.

As sustancias presentes nun cigarro actúan en particular sobre:

  • A función cardiovascular: o tabaco aumenta a presión arterial, acelera o ritmo cardíaco e deteriora as arterias. Os riscos coronarios e as mortes por infarto de miocardio son dúas veces máis elevadas entre os fumadores/as que entre o non fumadores/as. Estes riscos vasculares afectan tamén ás arterias do cerebro e dos membros inferiores. O tabaco ten efectos nocivos sobre o embarazo (parto prematuro, peso inferior ao nacer).
  • A función respiratoria: os fumadores exponse a trastornos de todo o aparello respiratorio, incluíndo cancro de pulmón.
  • A función dixestiva: a nicotina aumenta a secreción dos ácidos gástricos e actúa sobre o sistema nervioso central.
  • O tabaco limita o achegue de osíxeno ao cerebro e aos músculos. é responsable de dores de cabeza, vertixes e diminución da resistencia cando se practica algún exercicio.
  • Do conxunto dos cancros, un de cada catro esta asociado ao tabaco. O tabaco pode causar cancro dos bronquios, o pulmón, a cavidade bucal, o esófago, a vexiga, o colo do útero e o estómago.

Ademais as mulleres presentan os seguintes riscos adicionais:

  • A probabilidade de padecer un infarto multiplícase por 10 nas mulleres que fuman e utilizan anticonceptivos orais.
  • Entre as mulleres fumadoras, a menopausa adiántase unha media de entre 2 e 3 anos con respecto ás mulleres que nunca fumaron.
  • Aumenta o risco de sufrir osteoporose.

O consumo de tabaco incrementa nun 70% o risco de morrer prematuramente por diversas enfermidades derivadas do consumo de tabaco. Este maior risco é directamente proporcional á vez que lévase fumando, á cantidade de cigarros que se fuman a diario, profundidade da inhalación do fume e ao contido en nicotina e alquitrán da marca fumada. O tabaquismo é a causa de...

  • Máis do 90% dos casos de bronquite.
  • Do 95% dos casos de cancro de pulmón.
  • Do 30% de todas as cardiopatías coronarias.
  • Parte importante dos casos de cancro de esófago, vexiga urinaria, cavidade bucal e larinxe.

Os fumadores pasivos/as:

Demostrouse que as persoas que non fuman, pero que respiran o aire contaminado polo tabaco (fumadores pasivos/as) tamén corren riscos. Inhalar o aire contaminado polo fume do tabaco incrementa o risco de padecer as mesmas enfermidades de corazón e de pulmón que os fumadores/as. Ademais, se padecen problemas alérxicos, asmáticos ou cardiovasculares, poden ver agravada a súa sintomatoloxía.

Estes riscos son especialmente significativos no caso das mulleres embarazadas e os nenos/as. Durante o embarazo existe un risco superior de aborto espontáneo, de nacemento prematuro ou de baixo peso ao nacer. Nos nenos/as, a exposición ao fume do tabaco aumenta o risco de morte súbita do lactante e increméntase o risco de infeccións respiratorias, asma, neumonía e otite. Tamén se demostrou un empeoramento dos pícaros/as asmáticos expostos ao fume do tabaco.

Produce dependencia?

A dependencia física do tabaco é evidente na maioría dos fumadores/as. A dependencia psíquica ten ademais un efecto intenso nas súas vidas.

O fumador/a regular ó que se lle priva bruscamente da súa dose, experimenta unha sensación de carencia. Pode atoparse tenso/a, nervioso/a, irritable, angustiado/a e mesmo deprimido/a. Pode tremer, suar e resúltalle difícil reprimir o desexo de acender de novo un cigarro.

É posible deixar de fumar sen axuda específica. Sen embargo, é posible atopar consellos e axudas diversas para deixar de fumar por parte do médico de familia ou nunha consulta especializada. Os numerosos métodos para deixar de fumar poden utilizarse baixo control médico:

  • Sustitutivos da nicotina (parches, chicles, vendidos en farmacias) que permiten a desintoxicación progresiva da nicotina e reducen os efectos de abstinencia nos fumadores/as dependentes.
  • A axuda psicolóxica, individual ou grupal, na que poden incluírse relaxación e técnicas respiratorias, dietética, etc.

Canto se consome?

Segundo o Informe sobre a Enquisa Domiciliaria sobre o Alcohol e outras Drogas (EDADES) do ano 2011/12 da Delegación do Goberno para o Plan Nacional de Drogas:

O consumo de tabaco sitúase no seu nivel máis baixo dende a década dos 90. No ano 2011, o 71,7% das persoas de entre 15 e 64 anos en España consumira tabaco polo menos unha vez na vida (Figura 1.1.8). Supón unha redución de 3,3 puntos respecto da medición anterior, pero non chega aos niveis de anos anteriores que en ningún caso superaban o 70%. O 40,2% dos enquisados/as di fumar tabaco nos últimos 12 meses, e o 37,6 % nos últimos 30 días, o que supón un descenso de máis de 2 puntos porcentuais respecto da enquisa anterior.

Confírmase a tendencia descendente da prevalencia de consumo diario de tabaco, en todos os rangos de idade e en ambos os sexos, salvo en mulleres de entre 15 e 34 anos, onde se mantén estable. O 30,4% asegura fumar tabaco diariamente no último mes (fronte ao 31,8% do estudo anterior).

Evolución da prevelencia de consumo de tabaco (%), EDADES 2011/12

Evolución prevalencia consumo de tabaco, EDADES 2011

 

A idade media de inicio no consumo, foi de 16,5 anos en 2011, manténdose constante no tempo, mentres que a idade media de inicio no consumo diario de tabaco diminuíu, e sitúase en 18,5 anos.

O consumo de tabaco diario está máis estendido entre os homes en todos os tramos de idade, chegando ao seu nivel máximo no segmento de entre 35 e 44 anos (38,1%) mentres que as mulleres mostran a maior prevalencia no tramo de entre 25 e 34 anos (31%). A maior diferenza entre sexos atópase no tramo de 55 a 64 anos (27,5% dos homes fronte ao 16,3% das mulleres) mentres que as proporcións aparecen máis igualadas entre os 15 e os 24 anos (28,7% dos homes fronte ao 24,8% das mulleres).

O consumo diario medio de cigarros, entre os españois de entre 15 e 64 anos no último mes, é de 13,6 cigarros. Pola súa banda, o home fuma máis cantidade diariamente (14,6 cigarros) que a muller (12,3).

Sobre historia

O tabaco foi traído a Europa no século XV por parte dos mariñeiros españois que participaron na colonización de América. A planta de tabaco (chamada “nicotiana” en honra ó seu descubridor, un diplomático francés destinado en Lisboa de nome Jean Nicot) utilízase na Corte para curar todo tipo de doenzas.

Rápidamente aparece a oposición ó seu uso: en Inglaterra, nos países musulmáns, en Rusia onde o fumador/a se expuña á pena de morte.

O uso do tabaco foi popular (masticábase, inhalábase, fumábase en pipa), e á vez signo de refinamento burgués.

E a lei, que dí?

Segundo a Lei 28/2005 do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte o tabaquismo e reguladora da venda, o subministro o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco:

Espazos sen fume

Establecese a prohibición total de fumar nos seguintes lugares que se definen como espazos en fume e deberán estar debidamente sinalados:

  • Todos os centros de traballo, excepto nas zonas ó aire libre.
  • Centros e servizos sanitarios.
  • Centros docentes e formativos.
  • Centros sociais para menores de 18 anos.
  • Instalacións deportivas e lugares de espectáculos, que non sexan ó aire libre.
  • Centros comerciais, e grandes superficies.
  • Centros de ocio que permitan a entrada a menores de 18 anos.
  • Centros culturais, bibliotecas, museos,..
  • Establecementos onde se manipulen alimentos.
  • Todos os medios de transporte público.
  • Ascensores, cabinas, caixeiros, ...
  • E en calquera outro lugar que o seu titular o decida.

Limitacións ó consumo

Poderanse habilitar zonas para fumar en:

  • Hoteis e hostais.
  • Bares cafeterías, e restaurantes de 100 ou máis metros cadrados útiles.
  • Salas de festa, de xogo... para maiores de 18 anos.
  • Salas de teatro e cine e ouros espectáculos públicos que se realicen en espazos cerrados.
  • Aeroportos e estacións de autobuses, trens, ..
  • Centros de atención social de adultos.

Deberán estar debidamente sinaladas e non se permitirá entrada a menores de 16 anos.

Limitacións á venda

Prohíbese:

  • a venda de tabaco ós/ás menores de 18 anos.
  • a venda de cigarros soltos ou en paquetes de menos de 20 unidades.
  • o uso de máquinas expendedoras polos/as menores de 18 an os.
  • A venda de tabaco en lugares onde este prohibido o consumo.

Estratexias comerciais e publicitarias

Queda prohibido todo tipo de publicidade do tabaco en prensa, radio, televisión, valla, marquesiñas, internet,... e calquera medio e soporte de comunicación. Tamén e prohibe a promoción de produtos do tabaco mediante entregas de premios, sorteos, ... e o patrocinio de eventos musicais, deportivos, ...