Alcohol

Alcohol

Que é?

O alcohol é unha droga depresora do Sistema Nervioso Central que inhibe progresivamente as funcións cerebrais. Afecta á capacidade de autocontrol, producindo inicialmente euforia e desinhibición, polo que pode confundirse cun estimulante.

O principal compoñente das bebidas alcohólicas é o etanol ou alcohol etílico, que ten diferente concentración dependendo do seu proceso de elaboración. As bebidas alcohólicas poden ser:

  • Fermentadas: viño, cervexa e sidra. Teñen unha graduación entre os 4º e os 15º. Prodúcense pola fermentación dos azucres das froitas ou dos cereais.
  • Destiladas: son o resultado da destilación das bebidas fermentadas, co que teñen maior concentración de alcohol. Augardente, vodka, whisky, ron ou xenebra teñen entre 40º e 50º. Isto supón que o 40% ou o 50% do que se bebe é alcohol puro.

Graduación alcohólica

A graduación dunha bebida indica, aproximadamente, o volume de alcohol etílico que contén. Así, unha botella de viño de 12º contén un 12% de alcohol puro.

Que aspecto ten?

Liquido de inxestión oral.

Que efectos produce no meu organismo?

Unha vez no sangue, o alcohol distribúese por todo o organismo, afectando de forma especial á actividade do cerebro. As concentracións máximas de alcohol en sangue prodúcense entre os 30 e 90 minutos despois de inxerir a bebida, o que fai que moitas persoas non sexan conscientes de que están bebendo en exceso ata que perciben os primeiros efectos (mareos, de coordinación, etc.). a eliminación completa do alcohol do organismo tarda entre 8 e 10 horas.

Os efectos do alcohol nunha persoa dependen de diversos factores:

  • A idade: beber alcohol mentres o organismo está madurando (física, mental e afectivamente) é especialmente nocivo.
  • O peso (afecta de modo máis severo ás persoas con menor masa corporal).
  • O sexo (por factores fisiolóxicos, a tolerancia feminina é, en xeral, menor que a masculina).
  • A mestura con outras drogas (xa que potencian os efectos nocivos do alcohol e poden provocar reaccións imprevistas).
  • O habituado que se estea a beber (os consumidores/as habituais teñen unha maior tolerancia ós efectos, o que non quere dicir que non sufran estes ou máis danos que os consumidores ocasionais).
  • A cantidade e rapidez da inxesta (a máis alcohol en menos tempo, maior intoxicación).
  • As doses inxeridas (doses baixas poden producir euforia ou desinhibición; doses medias, embriaguez e descoordinación física e mental; e doses moi altas poden chegar a causar coma etílico e incluso a morte por colapso cardiorrespiratorio).
  • A inxestión simultánea de comida (o estómago cheo, sobre todo de alimentos graxos, dificulta a intoxicación).
  • A combinación con bebidas carbónicas (tónica, coca-cola, etc.), que aceleran a intoxicación.

Poucos minutos logo de beber, poden aparecer unha serie de efectos que por orde de aparición no tempo e en relación coa concentración de alcohol no organismo, estes efectos serían os seguintes:

Efectos sobre a conduta e as emocións:

  • Desinhibición da conduta e das emocións.
  • Euforia e excitabilidade.
  • Perda da capacidade de autocontrol.
  • Deescordinación psicomotora: problemas para coordinar movementos, confusión mental, linguaxe incoherente, etc.
  • Aumento dos tempos de reacción.
  • Deterioro da capacidade de xuízo (da percepción do risco) e falsa sensación de seguridade.
  • Alteracións visuais e perceptivas.
  • Trastornos sexuais.
  • Sono e cansazo.
  • Nalgunhas persoas, comportamento agresivos.

Efectos no noso organismo (dependen da cantidade presente na sangue (taxa de alcoholemia, medida en gramos por litro de sangue).

  • 0,5 g/l: euforia, sobrevaloración de facultades e diminución de reflexos.
  • 1 g/l: desinhibición e dificultade para falar e coordinar movementos.
  • 1,5 g/l: embriaguez, con perdida de control das facultades superiores.
  • 2 g/l: descoordinación da fala e da marcha, e visión dobre.
  • 3 g/l: estado de apatía e somnolencia.
  • 4 g/l: coma etílico (precisa a intervención inmediata dos servizos de urxencia).
  • 5 g/l: morte por parálises dos centros respiratorio e vasomotor.

Que riscos ten o seu consumo?

Riscos psicolóxicos

O abuso regular pode provocar:

  • Síndrome de abstinencia (caracterizado por ansiedade, tremores, insomnio, náuseas, taquicardia e hipertensión, que pode desembocar nun delirium tremens senón é tratado).
  • Problemas neurolóxicos e psiquiátricos: depresión, ansiedade, insomnio, alteracións da conciencia, psicoses e demencias, etc.
  • Dependencia (alcoholismo).

Riscos orgánicos

O abuso crónico do alcohol está relacionado con diversos problemas de saúde.

  • Trastornos dixestivos: náuseas, diarrea, gastrite, úlceras, cancros de colon, recto e gástrico.
  • Lesións no fígado (hepatite, cirrose, cancro de fígado) e no páncreas.
  • Trastornos cardiovasculares: hipertensión, arritmias, cardiopatías.
  • Infertilidade, diminución do impulso sexual e impotencia.
  • Envellecemento precoz.
  • Tolerancia (precísanse maiores doses para obter os mesmos efectos).

Outros riscos que pode provoca-lo consumo de alcohol son: a violencia domestica e o deterioro das relacións familiares; absentismo e accidentes laborais, diminución do rendemento no posto de traballo, malas relacións cos compañeiros, sancións e despido; accidentes e sancións de tráfico; absentismo e fracaso escolar no caso dos estudantes...

Produce dependencia?

Ademais dunha intensa dependencia psicolóxica, sentida como necesidade imperiosa de beber alcohol, algunhas persoas corren o risco de pasar dun consumo recreativo controlado, (“uso”), a un consumo excesivo non controlado (“abuso” ou “uso problemático”).

Os trastornos relacionados co consumo excesivo de alcohol aparecen en momentos moi variables segundo os individuos. Algunhas persoas vivirán estados reiterados de embriaguez sen por iso facerse dependentes. Este tipo de consumo constitúe unha forma de consumo problemático.

Un consumidor/a excesivo pode evolucionar cara á dependencia alcohólica en tres etapas:

  • Fase 1: non aparece ningún dano. As actividades profesionais, sociais e familiares seguen conservándose. A saúde mental e física non se ve alterada de forma significativa.
  • Fase 2: aparecen dificultades de orde relacional, social, profesional e mesmo xudicial. Alteracións de saúde física e mental levan ás veces ás persoas a reducir ou deixar o consumo de forma momentánea (abstinencia).
  • Fase 3: a persoa é incapaz de reducir ou eliminar o seu consumo, a pesar da persistencia dos danos. Aparecen numerosos síntomas: tremores, cambras, anorexia, trastornos do comportamento. O consumidor/a convértese en alcoholdependente.

Canto se consome?

Segundo o Informe sobre a Enquisa Domiciliaria sobre o Alcohol e outras Drogas (EDADES) do ano 2011/12 da Delegación do Goberno para o Plan Nacional de Drogas:

A extensión do consumo de bebidas alcohólicas na sociedade española é practicamente universal. Así, en 2011, o 90,9% da poboación española de entre 15 e 64 anos consumíraas algunha vez na vida, o 76,6% da poboación admitiu consumilas algunha vez durante o último ano e o 62,3% fíxoo no último mes.

Para todas as frecuencias temporais contempladas, o consumo de bebidas alcohólicas redúcese en 2011 con respecto a 2009 e, en canto ó consumo diario de alcohol tamén se viu reducido, volvendo así a niveis de 2007. A pesar deste lixeiro descenso, segue sendo a sustancia máis consumida. O 76,6% consumiu alcol nos últimos doce meses (78,7% na enquisa anterior) e o 62,3% fíxoo algunha vez nos últimos 30 días (fronte ao 63,3% de 2009/10). Tamén se reduce lixeiramente o consumo diario nos últimos 30 días, cunha prevalencia dun 10,2% (11% no estudo anterior).

Evolución da prevalencia de consumo de bebidas alcohólicas (%), EDADES 2011-12

SALTAPLANETAS

Diminúe así mesmo a prevalencia de bebedeiras en ambos os sexos e para todos os grupos de idade, aínda que segue manténdose en niveis moi elevados. As bebedeiras danse sobre todo entre os mozos/as adultos de 15 a 34 anos: nesta franxa de idade, 2 de cada 5 homes e 1 de cada 5 mulleres hanse emborrachado algunha vez no último ano,

En cambio, ascende lixeiramente o consumo de alcol en forma de atracón (“binge drinking”). O 15,2% dos enquisados/as consumiu alcol en forma de atracón nos últimos 30 días (14,9% en 2009). Esta forma de consumo de “risco” concéntrase no grupo de adultos novos de 20 a 29 anos, de ambos os sexos. Os datos tamén revelan que o 21,8% dos homes de entre 15 e 19 anos e o 17,2% das mulleres atracáronse algunha vez de alcohol nos últimos 30 días.

Sobre a súa historia

O consumo de alcohol remóntase á antigüidade. Ó longo da historia producíronse consumos rituais, sacros, sociais ou festivos . Tamén se utilizou como remedio: nos Estados Unidos, durante a prohibición, só os médicos podían prescribilo.

No século XIX, durante a revolución industrial, aparece a noción de alcoholismo. Na maioría dos países occidentais, en épocas distintas segundo os contextos económicos, políticos e relixiosos, aparece o alcoholismo de masas. En 1871 aparecen as primeiras medidas de prevención. Despois da Primeira Guerra Mundial, o discurso evoluciona: recoméndase desde a máis temperá idade o uso moderado das bebidas fermentadas, desaconsellando á vez as bebidas destiladas. Despois da Segunda Guerra Mundial, conságrase a sobriedade. Aparecen leis que prohiben o viño nos comedores, a publicidade e a venda de alcohol nos estadios, etc.

Hoxe, o consumo excesivo de alcol e o alcoholismo constitúen unha fonte importante de problemas en numerosos países.

E a lei, que dí?

Aínda que o alcohol é un produto de comercio lícito e con forte arraigamento na nosa sociedade, a protección da saúde das persoas en xeral e dos mozos/as en particular obriga a unha especial consideración da publicidade e a promoción das bebidas alcohólicas, así como da súa venda e consumo.

A protección dos menores

A Lei de Seguridade Cidadá prohibe no noso país a venda de bebidas alcohólicas ós/ás menores. As Comunidades Autónomas que dispoñen de lexislación específica sobre drogodependencias sinalaron unha idade mínima variable para a venda de bebidas alcohólicas que oscila entre os 16 e os 18 anos.

A seguridade viaria

O art. 12 da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece para todos os condutores/as a obrigación xenérica de sometemento ás probas para a detección de posibles intoxicacións alcohólicas. No Regulamento Xeral de Circulación, establece como límite máximo de alcoholemia para conducir unha taxa de alcohol en sangue de 0,5 gramos por litro (0,25 miligramos por litro de alcohol en aire expirado) par condutores/as en xeral.

Esta taxa é aínda inferior para condutores/as con menos de dous anos de experiencia e para transporte de mercadorías, escolares e urxencias. Nesta caso a taxa máxima é de 0,3 gramos/litro (0,15 miligramos por litro de aire expirado).

As infraccións destes preceptos teñen a consideración de graves e son sancionables con multa e suspensión do permiso ou licenza de conducir. Todo iso, sen esquecer, ademais, que ditas infraccións poden pasar o ámbito administrativo e constituír algún ilícito penal (Arts. 379 e s. do Código Penal. Delitos contra a Seguridade do Tráfico), nese caso, verase agravada notoriamente a súa penalidade.

Publicidade de bebidas alcohólicas

De acordo coa Lei Xeral de Publicidade de Novembro de 1998, prohíbese a publicidade de tabaco e a de bebidas con gradación alcohólica superior a 20 graos centesimales, por parte da televisión. Ademais, queda prohibida a publicidade de bebidas alcohólicas e tabaco nos lugares en que estea prohibida a súa venda.