Outras actividades realizadas

Os inicios da Asociación caracterizáronse por unha importante loita contra o narcotráfico a través de manifestacións, concentracións e entrevistas con representantes de diversos organismos gobernamentais, nas que xogaron un fundamental papel o grupo de nais, mulleres que en todo momento mostraron unha gran coraxe e non dubidaron en enfrontarse contra os que se enriquecían cun sinistro negocio, que arrasou e arrasa diariamente ca vida de tantos mozos e mozas galegos. Vilagarcía, Vigo, Muros, Santiago de Compostela e a mesma Riveira foron algúns dos lugares nos que estas mulleres exerceron diversos e duros actos de presión.

Participouse en numerosos programas radiofónicos e feiras de asociacións para difundir o noso traballo e acercar a información a un maior número de persoas.

Coa mocidade realizáronse estudos para coñecer as actitudes acerca das drogas e o seu consumo nos estudantes de ensino medio na comarca do Barbanza en xeral, e en Riveira en particular. Encontros xuvenís, xornadas, exposicións, concursos, videofórums e concertos didácticos.

Para favorecer unha mellor ocupación do tempo libre e promover hábitos saudables entre os rapaces/as, fixéronse obradoiros de maquetería naval, estaño e talla de madeira; campionatos e torneos deportivos; rutas en mountain-bike; festivais; obradoiros de teatro, danza e expresión corporal, campamentos en diversos entornas naturais e campamentos urbanos.

Dado que no campo das drogodependencias, as familias vense sometidas a unha gran presión, de forma periódica realizáronse coas nais cursos e seminarios formativos sobre diversas temáticas.

No ámbito formativo fixéronse cursos sobre prevención de drogodependencias para educadores/as. Xornadas, seminarios, encontros e aulas abertas dirixidos ao público en xeral. A realización dalgunhas destas actividades permitiunos establecer contacto con outras realidades semellantes á nosa, como os vividos por persoas da comunidade andaluza, que nos enriqueceron coas súas aportacións e cos traballos que alí se estaban realizando.

Dentro das actividades dirixidas a favorecer a inclusión de persoas con problemas adictivos desenvolvéronse diversos cursos de formación ocupacional, un obradoiro de hortofruticultura e púxose en marcha un invernadoiro.

Firmáronse acordos de colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coa UNED, para acoller alumnos en practicas.

Ao longo destes anos editáronse revistas informativas, boletíns e diversos materiais preventivos.